Blog

 O PROGRAMA CREATIVA DA AGADIC PRODUCE NA ILLA DE SAN SIMÓN O CONCERTO MULTIMEDIA "CORES DO ATLÁNTICO"

Imprimir creativa - 14-Maio-2010 - 13:05:03 

O recital conxunto de Socorro Lira, Margareth Menezes, João Afonso, Teresa Paiva, Eneida Marta e Uxía celebrarase o 4 de maio, a partir das 20:15 horas, e será transmitido a través de internet

Santiago, 7 de maio de 2010.- O programa CREATIVA, que promoven conxuntamente a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e a Rexión Norte de Portugal, levará a cabo o vindeiro 14 de maio na illa de San Simón o concerto Cores do Atlántico, un evento eminentemente musical e multimedia no que actuarán os artistas Socorro Lira, Margareth Menezes, João Afonso, Teresa Paiva, Eneida Marta e Uxía. Coa reivindicación das cantigas de amigo como parte esencial do patrimonio galego-portugués, o recital, que poderán seguir en directo un máximo de 150 persoas, será transmitido para todo o mundo en tempo real por internet, a través da web www.coresdoatlantico.com.

O concerto é o eixe central de Cores do Atlántico, unha produción que abrangue tamén a edición dun libro-disco do mesmo título, unha exposición específica do artista lucense Quique Bordell e catro showcases promocionais noutras tantas vilas do sur de Galicia e do norte de Portugal. A iniciativa será unha das actividades centrais de CREATIVA 2010, un programa que conta con financiamento a cargo dos fondos FEDER da UE e pertencente ao Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.


Acontecemento multimedia


Máis ca un concerto, Cores do Atlántico será un acontecemento multimedia sen precedentes, no que á singularidade e recoñecemento dos músicos participantes hai que sumar a presentación que realizará Xoán Curiel e a proxección de varios vídeos testemuñais sobre distintos aspectos da filosofía de proxecto como medio de difusión actual da lírica medieval galego-portuguesa. A partir das 20:15 horas, darase paso a 75 minutos de música en directo para o disfrute dos espectadores presentes e de todos os internautas.

O público convidado que asistirá ao concerto poderá participar ademais dunha experiencia única, xa que o traslado ao auditorio do Campo das Alocucións supón unha viaxe cultural pola ría de Vigo, co acompañamento e explicación a cargo de guías-actores desde o momento do embarque ata a chegada á illa, así coma un percorrido pola mesma amenizado por malabares e zancudos.


Libro-disco


O libro-disco Cores do Atlántico é un traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo que ofrece unha nova perspectiva do xénero máis autóctono da nosa lírica medieval, desde unha dobre dimensión: a interpretación teórica da catedrática holandesa Ria Lemaire Mertens e a interpretación musical da cantautora brasileira Socorro Lira. O proxecto nace en 2006 co inicio da investigación, á que se xuntou a gravación dun CD con versións cantadas dalgúns dos textos conservados. A publicación fíxose en formato libro-disco en galego e portugués, por parte do colectivo pontevedrés Ponte...nas ondas! e a discográfica PAI Música co patrocinio de CREATIVA.

A argumentación teórica sobre a orixe dunha tradición oral sustentada por mulleres é unha tese defendida por Lemaire, especialista en literatura medieval en linguas románicas e doutora pola universidade de Utrech. No enfoque musical, a cantautora brasileira Socorro Lira aborda unha lectura contemporánea da melodía das cantigas integrando as sonoridades galegas, portuguesas, africanas e, especialmente, brasileiras; espazos que comparten o patrimonio cultural da lírica galego-portuguesa. Dende os ritmos brasileiros como a ciranda, o samba, o batuque, o baião, o congo, o aboio ou a toada nordestina, interprétanse as cantigas de amigo dunha forma transgresora e ao mesmo tempo harmoniosa. Arranxado por Jorge Ribas, Cores do Atlántico integra as sonoridades de tres continentes unidos por un patrimonio común: a lírica das cantigas de amigo galego-portuguesas. Desde o Brasil, a compositora e cantora Socorro Lira reúne voces tradicionais como as das Cirandeiras de Caiana de Crioulos xunto ás colaboracións de Margareth Menezes-A Maga e Cida Moreira. Desde África, a guineana Eneida Marta achega a súa cálida voz asociada aos ritmos de Guiné Bissau como o gumbé, a morna ou a singa. João Afonso e Teresa Paiva introducen a expresión portuguesa e a sonoridade da gaiteira do Porto. En Galicia, son as voces de Leilía e Uxía as que recrean as cantigas que noutrora cantaron as mulleres neste territorio de orixe da lírica medieval galego-portuguesa.


Exposición e showcases


Pola súa banda, o artista lucense Quique Bordell fai a súa achega plástica con ilustracións que combinan o collage e a sobre-impresión nunha proposta vangardista sobre as letras das cantigas de amigo. Quique Bordell é unha das referencias artísticas máis interesantes do panorama da arte galega moderna e a súa obra ten sido relacionada coa de Tápies ou coa do mestre Dubuffet.

A ermida da illa de San Simón acollerá o mesmo día 14 de maio a exposición desta serie de láminas. O seu contido poderá tamén ser visualizado a través de internet, xa que a transmisión do evento e de todo canto se desenvolva na illa dará comezo xa a partir das 19:30 horas.

Os showcases desenvolveranse o 9 de maio en Valença de Minho (praza da Cámara Municipal), o 11 de maio en Ourense (xardíns do Padre Feixóo), o 15 de maio en Salceda de Caselas (praza do Concello) e o 16 maio en Vigo (no Verbum). Estas catro localidades acollerán cadansúa acción promocional sobre o produción Cores do Atlántico. En emprazamentos ao aire libre, Socorro Lira, autora das músicas do CD, acompañada de tres músicos e varios actores de animación, interpretará algúns dos temas incluídos no traballo discográfico.


Máis información en:
http://www.coresdoatlantico.com


Que buscas

País

Provincia

Localidade

Ámbito

<<  Novembro  2018    >>

L
M
Mi
J
V
S
D
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
 
 
 
 
 
 
 
 
© 2009 Creativa Cultural - Todos los derechos reservados  |  Acceso privado