Blog

 Comeza en Vigo o Foro Creativa da Industria Cultural con 16 mesas de debate e 13 espectáculos escénicos e músicais

Imprimir creativa - 10-Decembro-2009 - 11:32:13 

O conselleiro de Cultura presentou este programa transfronteirizo e multidisciplinar, que se desenvolverá ata o vindeiro día 19 nunha decena de espazos da cidade olívica


COMEZA EN VIGO O FORO CREATIVA DA INDUSTRIA CULTURAL CON 16 MESAS DE DEBATE E 13 ESPECTÁCULOS ESCÉNICOS E MUSICAIS


Profesionais da escena, a música, o audiovisual e o libro danse cita no encontro, organizado pola AGADIC e a Direccão de Cultura do Norte de Portugal con fondos da UE



Vigo, 10 de decembro de 2009.- A industria cultural de Galicia e do Norte de Portugal dáse cita ata o vindeiro día 19 en Vigo con motivo da celebración de CREATIVA, un programa tranfronteirizo e interdisciplinar que se articula en torno a catro foros sectoriais (artes escénicas, música, audiovisual e produto gráfico), cun total de 16 mesas de debate, relatorios e reunións profesionais, ademais de ofrecer un cartel artístico con 13 espectáculos escénicos e musicais protagonizados por artistas galegos e portugueses. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou hoxe este encontro que, con financiamento a cargo dos fondos FEDER da Unión Europea, organizan a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués en 10 espazos da cidade olívica e a súa área de influencia.


Varela Fariña enmarcou a celebración do Foro CREATIVA dentro do cometido da Consellería da que é titular no sentido de dotar á produción cultural galega das ferramentas precisas para o seu pleno desenvolvemento como industria, así como de avanzar no intercambio e a cooperación cultural co Norte de Portugal. Neste sentido, preto de 80 expertos de ambos países participarán nos catro foros de debate para analizar tanto a situación actual como as perspectivas de futuro nos seus diferentes ámbitos profesionais e dende as súas procedencias xeográficas.


Guía de recursos


Segundo adiantou o conselleiro de Cultura na súa intervención, este proxecto –inscrito no Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal– non é unha iniciativa illada, senón que avanzará no tempo mediante a publicación dixital dunha guía de recursos culturais e dunha axenda de eventos culturais, aloxada no enderezo web www.creativacultural.com, así como dunha ampla serie de “accións concretas nas poboacións asentadas a ambas beiras do Miño ata finais de 2010”.


Xunto con Roberto Varela, participaron nesta presentación Juan Carlos F. Fasero, director da AGADIC; João Luís Sequeira, xefe da Divisão de Promoção e Dinamização Cultural da Direcção Regional de Cultura do Norte; e os coordinadores de cada área temática deste primeiro encontro multilateral e interdisciplinar entre empresas, artistas e creadores culturais do Sur de Galicia e do Norte de Portugal: Manuel F. Vieites (Artes Escénicas), Xabier Alonso (Música), Xaime Fandiño (Audiovisual) e Juan A. Penas (Libro e Produto Gráfico).


Catro áreas temáticas


O primeiros dos foros, o dedicado ás artes escénicas, dará comezo o vindeiro martes día 15 cunha mesa redonda sobre os repertorios e a creación de públicos, á que seguirán outros tres debates sobre novas tendencias escénicas en Galicia (mércores 16), as linguaxes da danza (xoves 17) e o exercicio da profesión actoral na nosa Comunidade (venres día 18). As catro sesións desenvolveranse a partir das 18.00 horas na sede que comparten o IES Audiovisual e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) en Bouzas.


A Illa de San Simón acollerá o Foro Industria Musical, o único de acceso exclusivo para profesionais, que se celebrará na mañá do día 16 e no que se analizará o papel dos festivais de música transfronteirizos como dinamizadores socioeconómicos, así como a distribución de artistas e a situación actual da industria fonográfica a ambos lados da fronteira.


Baixo o título Alfándega Audiovisual, o terceiro dos foros desenvolverase ao longo do día 17 no Centro Sociocultural Caixa Galicia de Vigo, ofrecendo cinco relatorios centrados nas orixes, organización e funcións dos festivais de cinema e de videocreación, tanto clásicos como emerxentes, para finalizar cunha escolma de pezas audiovisuais producidas en distintos centros formativos do Sur de Galicia.


Por último, o Foro Produto Gráfico: Retos para o Século XXI abordará o futuro das editoriais fronte ás novas tecnoloxías, o papel das empresas de comunicación na eurorrexión e a relevancia do deseño na impresión. As catro mesas de debate nas que se estruturará esta área temática terán lugar o 18 de decembro, en horario de mañá, no Centro Social Caixanova.


Cartel de exhibición


O Foro CREATIVA compleméntase cunha carteleira artística que ofrece un total de 13 espectáculos escénicos e musicais, a cargo de 18 compañías e grupos galegos e portugueses de moi diferentes estilos. Todas as representacións de teatro e danza son de acceso libre ata completar o aforo, mentres que as entradas para os concertos poden adquirirse nas billeteiras dos diferentes espazos.


O calendario de funcións de artes escénicas, inaugurado onte por Nut Teatro co espectáculo Wake Up, inclúe tamén a posta en escena dos espectáculos Play de Borja Fernández e Uxía P. Vaello (día 10), Rúa aire de O Retrete de Dorian Gray (día 11), Vicent, Van e Gogh, de Peripécia Teatro (día 16), Uma peça encomendada, do Núcleo de Experimentação Coreográfica (día 17) e Rosalía, a pulga que escribía de Galitoon (día 18). Todas estas representacións darán comezo ás 20.00 horas na sede do IES Audioviusal/ESAD de Galicia.


Canto á programación musical, este cartel inclúe os concertos de The Blows (día 16, ás 22.30 h, en La Iguana Club), Roi Casal e Anxo Lorenzo (día 16, ás 22.30 h, no auditorio do Centro Cultural Caixanova), Old Jerusalem e Niño y Pistola (día 17, ás 22.30 h, na Sala Mondo Club), Amália Hoje (día 18, ás 21.00 h, no Cine Salesianos), Kiko Aguado & Celia Mur (día 18, ás 21.00 h, na Sala Contrabajo), Aquaparque e unha sesión dj a cargo de Bflecha (en La Fábrica de Chocolate, o día 18 a partir das 22.30 h), e o espectáculo musical Creativa Arte Sonora no que participarán Carlos Suárez, Xe e o Colectivo Soopa (día 19, ás 20.00 h, no MARCO).


Que buscas

País

Provincia

Localidade

Ámbito

<<  Novembro  2018    >>

L
M
Mi
J
V
S
D
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
 
 
 
 
 
 
 
 
© 2009 Creativa Cultural - Todos los derechos reservados  |  Acceso privado