Blog

 CREATIVA PROPÓN UNHA REFLEXIÓN SOBRE O PAPEL DAS INDUSTRIAS CULTURAIS EN TEMPOS DE CRISE A TRAVÉS DE SEIS FOROS PROFESIONAIS

Imprimir creativa - 23-Novembro-2010 - 13:19:41 

Terán lugar os días 26 e 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra coincidindo coa celebración do Culturgal 2010.
Os encontros son de acceso libre ata completar a capacidade.

Pontevedra, 19 de novembro de 2010.- A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, a Direcção Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués e a Asociación Culturgal organizan conxuntamente o foro As industrias culturais de Galicia e do norte de Portugal en tempos de crise. Retos, recursos e modelos de éxito, que se desenvolverá os días 26 e 27 de novembro no marco do programa CREATIVA, pertencente ao programa europeo POCTEP, financiado cos fondos Feder da UE. Trátase dun encontro multilateral e interdisciplinar entre profesionais, creadores e institucións dos distintos sectores e disciplinas da cultura en Galicia, Portugal e Brasil, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra coincidindo coa Feira das Industrias Culturais Culturgal.

O Foro Creativa inclúe catro encontros sectoriais e dous transversais. No primeiro abordaranse o futuro, os retos, os modelos de financiamento e experiencias de talento do sector audiovisual en Galicia. O segundo tomará o exemplo da Biblioteca de Medellín, en Colombia, como punto de partida para reflexionar sobre a intervención cultural dos poderes públicos. O foro do sector das artes escénicas reflexionará sobre a mercadotecnia e a distribución interior, exterior e en novos mercados, as axudas á produción e distribución e o marco legal das artes escénicas. O sector da música analizará a súa forza como fonte de recuperación económica. Polo que respecta aos encontros transversais, o do venres afrontará a creación de oficinas de intercambio artístico entre Brasil e Galicia como oportunidade para a exportación e o intercambio cultural, con presenza de representantes institucionais do Estado de Minas Gerais, mentres que o do sábado se centrará nas feiras multidisciplinares como modelos de éxito, como a de Durango, a Monkey Week ou as feiras de Lisboa e Porto, en Portugal. 

Todos os axentes profesionais que se sitúan nas industrias culturais actuais teñen, así, ao seu dispor, unha boa oportunidade para a reflexión e o debate. A necesidade do intercambio e da cooperación transnacional son os principais activos do plan de traballo de Creativa e de Culturgal, do mesmo xeito que a premisa de partida é a consideración da cultura como factor básico de desenvolvemento territorial e económico. Sobre esta idea artéllanse os seis foros deseñados. 

AUDIOVISUAL
Venres, 26 de novembro. 10.00-14.15 h.
O audiovisual enfróntase a un horizonte de cambio provocado pola  situación de crise económica e a revolución dixital, que está a mudar o modelo de negocio e os hábitos de consumo. Porén, a experiencia de máis de 25 anos do audiovisual galego e as posibilidades dos nosos profesionais nunha industria que se alimenta do talento, fan agardar boas novas para este sector. E sen esquecer o enorme éxito acadado nos últimos tempos polos títulos galegos... As mesas do audiovisual artelladas pola AGAPI contarán coa participación de representantes das produtoras Continental Producciones, Vía Láctea Filmes, Cinemar, Pórtico Audiovisuais e Abano Producións. Tamén estarán a Televisión de Galicia, o Consorcio Audiovisual de Galicia, o IGAPE, a Corporación Caixa Galicia  Audiovisual Aval SGR e o FICA de Portugal. Ademais, o actor Rubén Riós, a directora de arte Sandra D. Frantz, a compositora Zeltia Montes, e os directores Luís Avilés, Jorge Morais e Juan Pablo Etcheverry explicarán as súas estratexias á hora de desenvolver o seu talento.

EDICIÓN
Venres 26 de novembro. 10.00 – 12.00 h.
A Asociación Galega de Editores, pola súa banda, convidou aos representantes da Rede de Bibliotecas de Medellín, modelo de intervención políticocultural recoñecido  en todo o mundo, a presentar o seu proxecto, co obxectivo de darlle pulo ao deseño de programas e proxectos de novos instrumentos de promoción e difusión da lectura,  así como ao investimento  e organización dos recursos xa existentes. Luís Miguel Usuga Samudio, secretario de Cultura da cidade de Medellín falará de As Bibliotecas de Medellín: Paradigma de intervención cultural dos poderes públicos, mentres que Carolina Jaramillo, comunicadora e  xornalista da rede de Bibliotecas da Área Metropolitana de Medellín exporá A experiencia da Red de Bibliotecas e o seu portal como programa de inclusión dixital e transformación social. Despois, haberá un debate.

TRANSVERSAL: Oficinas de intercambio artístico
Venres 26 de novembro
A industria musical galega ven percorrendo, nos últimos anos, un fondo proceso de estruturación liderado polas asociacións sectoriais que, desde 2007, veñen realizando o esforzo de crear un marco de futuro profesional que sexa quen de competir na actual conxuntura social e económica. Nesta tarefa, a chegada a Galicia de representantes dos gobernos de Brasil e de Minas Gerais, así como do sector profesional musical do país, supón a culminación dun proceso onde se pretende identificar sinerxias e puntos de encontro para as relacións culturais entre Galicia e Brasil. O obxectivo do foro é tentar averiguar por que Galicia e Brasil se necesitan, en que se poden axudar e que aspectos culturais comparten.

ARTES ESCÉNICAS 
Sábado 27 de novembro. 10.00 – 12.00 h.
Algunhas das máis importantes preocupacións no sector das artes escénicas concrétanse nas políticas de produción e distribución. Ambas as dúas marchan xuntas e inseparables, xa que sen unha distribución que achegue o produto ao maior número posible de espectadores a creación e a produción perden a súa primeira razón de ser. Por iso, aproveitando o marco do Foro Creativa, Escena Galega propón tres ponencias nas que profesionais de recoñecido prestixio nacional e internacional exporán fórmulas de éxito contrastado noutros lugares. As dúas primeiras tratarán sobre a produción e a distribución de espectáculos, mentres que a terceira abordará a Lei de Minimis, norma de alcance en toda a Unión Europea que afecta directamente as subvencións que as industrias culturais obteñen das distintas administracións. Coñecer a correcta aplicación desta lei axudará a que os axentes culturais saiban baixo que premisas orzamentarias encarar os seus proxectos futuros.

MÚSICA
Sábado 27 de novembro. 10h00 – 12.00h
Agaphono e Agem propician neste foro aberto ao público o encontro dos distintos axentes do sector musical para elaborar unha radiografía do seu presente e para debater sobre o seu futuro. No difícil contexto da crise económica, a industria da música ten que afrontar o desafío dos cambios tecnolóxicos e outros retos como a superación da dependencia institucional e a busca de novos espazos de crecemento. Participarán Franciso Javier Viéitez Cendón, vicepresidente de Agem; Sergio Lago, representante de Aghapono; Raul Abeledo, economista; Leo Garcia-Boadilla Prosper, avogado ; Felix Lozano, ideólogo; Juan Carlos F. Fasero, director da AGADIC; e Joaquim Balas, representante da Asociación Profesional MUSICA PT. É compromiso dos organizadores ofrecer un documento conclusivo ao final do encontro.

TRANSVERSAL: Feiras multidisciplinares
Sábado 27 de novembro. 12h30 – 14.30h
Neste foro invítase a representantes de tres das feiras máis representativas da península que pola súa traxectoria ou singularidade son referenciais. Jon Irazabal e Izaskun Ellakuriaga, director e responsable de comunicación da Feira do libro e do disco de Durango; César Guisado, membro do equipo directivo da Monkey Week; e Miguel Freitas da Costa, secretario xeral da APEL (Feira do Livro de Lisboa e Porto) presentarán os seus modelos e, despois, abrirase un debate común no que se abordará a situación actual e futura das feiras multidisciplinares e se debuxarán as mellores opcións de futuro para o propio Culturgal. 


Que buscas

País

Provincia

Localidade

Ámbito

<<  Novembro  2017    >>

L
M
Mi
J
V
S
D
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
© 2009 Creativa Cultural - Todos los derechos reservados  |  Acceso privado