Blog

 UN TOTAL DE 72 EMPRESAS CULTURAIS DE GALICIA E PORTUGAL INTERCAMBIAN EXPERIENCIAS NA XORNADA CO-CREATION DE CREATIVA

Imprimir creativa - 16-Novembro-2010 - 12:26:43 

A Agadic e a Addict portuguesa organizan este encontro entre as industrias creativas de ambos países. Produto gráfico, audiovisual, música e artes escénicas son os sectores representados.

Tralas mesas redondas da xornada de mañá, a sesión de tarde dedícase ao establecemento de contactos directos e reunións entre as firmas acreditadas.

Vigo, 16 de novembro de 2010.- O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, e a directora executiva da Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas de Portugal (Addict), Ana Carvalho, inauguraron esta mañá en Vigo a xornada de traballo Co-Creation: participación colaborativa e intercambio de experiencias nas industrias culturais, que ambas entidades organizan na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia coa participación dun total de 72 empresas culturais, 50 galegas e 22 portuguesas. A produción gráfica, o audiovisual, a música e as artes escénicas son os sectores representados neste encontro profesional, inserido no programa europeo CREATIVA co obxectivo de propor iniciativas conxuntas para o avance das industrias culturais na eurorrexión.

Con este fin, o programa da xornada desenvólvese arredor de dúas partes diferenciadas, cunha sesión de mañá ideada para afondar no coñecemento mutuo entre as industrias creativas de ambos lados da fronteira a través de dúas mesas redondas; e outra de tarde, dedicada ao establecemento de contactos directos e a celebración de xuntanzas entre as firmas e entidades participantes.

Juan Carlos F. Fasero e Ana Carvalho protagonizaron a primeira rolda de intervencións, introducida pola directora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Elvira Vieira, e centrada no papel desempeñado pola Agadic e a Addict como axentes dinamizadores do sector cultural nos seus respectivos ámbitos de competencia.

Concreción de contactos
Fasero resaltou a importancia deste tipo de encontros, xa que o "coñecemento directo entre os interlocutores sempre facilita os proxectos futuros". Neste sentido, depositou nas empresas a concreción dos contactos bilaterais, que deben ser favorecidos polas institucións a través de foros destas características. Trasladou, así mesmo, outras dúas ideas principais aos empresarios culturais reunidos en Vigo: a relevancia de traballar a partir de datos obxectivos que cuantifiquen o sector cultural con datos estatísticos e valores reais; e apostar polo talento como valor engadido das empresas artísticas fronte a outros sectores.

Pola súa banda, Ana Carvalho puxo a disposición das firmas galegas e portuguesas a súa organización, a Addict, cara ao labor de dinamización das relacións entre empresas. Esta axencia traballa dende 2008 en distintos proxectos de desenvolvemento e nova creación do que no seu país se denominan industrias creativas co obxectivo de posicionar o Norte de Portugal como unha das rexións culturais máis activas de Europa.

A continuación, a segunda das mesas redondas cedeu a palabra aos representantes dos ámbitos culturais implicados para ofrecer unha visión panorámica sobre as realidades empresariais e sectoriais de ambos países, así como unha análise dos seus principais retos de futuro e perspectivas de colaboración. Os galegos Joaquín Martínez Silva, director de EsmerArte Servizos Artísticos e presidente de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais); Uqui Permui, directora do estudio de deseño e comunicación gráfica Uqui Cebra e presidenta de DAG (Asociación Galega de Deseñadores); e Xosé Zapata, produtor executivo de IB Cinema, participaron neste debate xunto aos representantes doutras tres firmas portuguesas: Deriva Editores, a produtora audiovisual Lightbox e a compañía escénica Teatro da Palminha Dentada).

Xa pola tarde, as sesenta firmas acreditadas disporán de tempo e espazo para establecer contactos directos con outras empresas e participar en xuntanzas de curta duración, para o que contarán co apoio da organización como dinamizadora e facilitadora destes encontros bilaterais, solicitados directamente polos asistentes interesados.

Conclusións
O programa rematará ás 17.45 horas cunha exposición das primeiras conclusións tiradas desta xornada no sentido de impulsar a cooperación transfronteiriza como unha vía eficaz cara á mellora da competitividade empresarial e o desenvolvemento de novos produtos e servizos. Neste sentido, farase especial fincapé nas posibles propostas de novos modelos de negocio e ideas creativas no marco dun contexto económico e social definido pola dixitalización, os avances tecnolóxicos e a globalización.

Coa celebración de Co-Creation: participación colaborativa e intercambio de experiencias nas industrias culturais, dáse un novo paso adiante no proceso de intercambio e cooperación co Norte de Portugal desenvolvido a través do programa CREATIVA, que organizan conxuntamente a Agadic e a Direccão Regional de Cultura do Norte de Portugal con financiamento a cargo dos fondos FEDER da Unión Europea. Vigo xa fora en decembro de 2009 a sede da primeira iniciativa inserida neste proxecto transfronteirizo: os Foros Creativa da Industria Cultural, un encontro multisectorial que congregou máis de 80 especialistas de ambos países, ademais de ofrecer un amplo cartel artístico aberto ao público xeral.

Culturgal, a Feira das Industrias Culturais que terá lugar en Pontevedra do 26 ao 28 de novembro, acollerá a próxima cita profesional apoiada a través de CREATIVA. Baixo o título xenérico As industrias culturais en tempos de crise. Retos, recursos e modelos de éxito, este novo foro congregará profesionais galegos, portugueses e brasileiros arredor dun total de 10 mesas redondas e de traballo centradas no audiovisual, a edición, a música, as artes escénicas e os modelos de feiras culturais.

CREATIVA chegará ao seu fin en decembro co patrocinio do Foro de Edición e Tipografía (Feet 2010), que se desenvolverá a partir do 2 de decembro na Casa das Campás de Pontevedra.


Que buscas

País

Provincia

Localidade

Ámbito

<<  Xullo  2017    >>

L
M
Mi
J
V
S
D
 
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
 
 
 
 
 
© 2009 Creativa Cultural - Todos los derechos reservados  |  Acceso privado