Blog

 A AGADIC CONVIDA AS EMPRESAS CULTURAIS GALEGAS Á XORNADA "CO-CREATION" DE ENCONTRO COA INDUSTRIA CREATIVA PORTUGUESA

Imprimir creativa - 09-Novembro-2010 - 18:08:24 

As sesións de traballo centraranse no intercambio de experiencias e contactos empresariais en ámbitos como o produto gráfico, o audiovisual, a música e a escena

A Addict (Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas de Portugal) colabora na organización deste evento multisectorial dentro do programa CREATIVA



Santiago, 9 de novembro de 2010.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas de Portugal (Addict) colaboran na organización dun encontro entre empresas culturais de ambos lados da fronteira que, baixo o título Co-Creation: participación colaborativa e intercambio de experiencias nas industrias culturais, terá lugar o vindeiro martes día 16 na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia en Vigo. Enmarcada no programa europeo CREATIVA, esta xornada diríxese prioritariamente a representantes da produción gráfica, o audiovisual, a música e as artes escénicas co obxectivo de favorecer o coñecemento e o intercambio de experiencias e contactos empresarias entre o sur de Galicia e o norte de Portugal.

A Agadic mantén aberto o prazo de solicitude para participar neste encontro, ao que poden asistir de xeito gratuíto todos os interesados, previa inscrición a través da páxina web de CREATIVA (www.creativacultural.com). Segundo se vaian formalizando as solicitudes, a organización elaborará un catálogo en liña de empresas e profesionais participantes para facilitar e fomentar os encontros bilaterais.
 
Co-Creation articúlase en dúas partes diferenciadas. A sesión de mañá, que contará coa participación do director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, centrarase no coñecemento da industria cultural de Galicia e do Norte de Portugal a través de dúas mesas redondas nas que participarán representantes dos principais sectores implicados. Xa pola tarde, as firmas galegas e portuguesas acreditadas disporán de tempo e espazo para establecer contactos directos con outras empresas e participar en xuntanzas de curta duración, para o que contarán co apoio da organización como dinamizadora e facilitadora destes encontros.

Novos modelos de negocio

A través desta intensa xornada de traballo, búscase afondar nas distintas vías de desenvolvemento das industrias creativas en xeral, e das culturais en particular, no marco dun novo contexto económico e social definido pola dixitalización, os avances tecnolóxicos e a globalización. Neste sentido, o deseño de novos modelos de negocio e ideas creativas, así como a interiorización da innovación como un valor fundamental, apúntanse como camiños a seguir pola industria cultural para garantir tanto o seu futuro como o da cultura local.

Neste novo escenario, a cooperación transfronteiriza maniféstase, así mesmo, como unha vía eficaz cara á mellora da competitividade empresarial e do desenvolvemento de novos produtos e servizos. Con este obxectivo, e como paso previo necesario no fomento da cooperación eurorrexional, este encontro foi especificamente deseñado para facilitar o coñecemento mutuo das realidades empresariais e sectoriais das industrias culturais galega e portuguesa.

Co-Creation: participación colaborativa e intercambio de experiencias nas industrias culturais supón, ademais, un paso adiante no proceso de intercambio e cooperación co Norte de Portugal iniciado en decembro de 2009 coa celebración en Vigo dos Foros Creativa da Industria Cultural. Articulado en torno a 16 mesas de debate, relatorios e reunións profesionais, ademais de ofrecer un cartel artístico aberto ao público xeral, este encontro multisectorial congregou máis de 80 especialistas de ambos países para analizar tanto a situación actual como as perspectivas de futuro nos seus diferentes ámbitos profesionais e dende as súas respectivas procedencias xeográficas.


Que buscas

País

Provincia

Localidade

Ámbito

<<  Novembro  2017    >>

L
M
Mi
J
V
S
D
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
© 2009 Creativa Cultural - Todos los derechos reservados  |  Acceso privado