Blog

 A AGADIC PATROCINA A TRAVÉS DO PROGRAMA EUROPEO CREATIVA O ENCONTRO DE ARTISTAS EMERXENTES "SEISPORSEIS" DE VIGO

Imprimir creativa - 27-Outubro-2010 - 11:00:08 

· O Verbum acolle a segunda edición desta iniciativa que comeza mañá día 28, ás 20.30 h, a cargo das creadoras Marián Bañobre, Anabel Gago e Seilaesencia.

·As artes do movemento, o teatro e a plástica interaccionan nas 6 propostas que 18 novos creadores exhibirán ata principios de decembro coa palabra como eixo temático



Santiago, 27 de outubro de 2010
.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo patrocina a través do programa europeo CREATIVA o encontro de artistas emerxentes “Seisporseis”, unha iniciativa artística interdisciplinar que comeza mañá en Vigo e que se desenvolverá ata o mes de decembro coa participación dun total de 18 xoves creadores/as galegos e portugueses que traballarán coa combinación das artes do movemento co teatro e a plástica.

A palabra como eixo temático común e o edificio do Verbum como espazo de inspiración e representación vertebran a segunda edición deste encontro que organiza a compañía viguesa A Artística coa finalidade de exhibir en vivo e diante do público seis espectáculos, cada un deles deseñado pola interacción de tres artistas, nos que se amosarán as súas novedosas propostas, artelladas a partir da actualización da tradición oral de Galicia e do norte de Portugal desde as linguaxes escénicas do século XXI.

O programa CREATIVA, que promoven conxuntamente a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e a portuguesa Direccão Regional de Cultura do Norte fai posible a celebración este ano de “Seisporseis” como unha actividade máis da súa acción de dinamización das industrias culturais de Galicia e Portugal.

Todos os xoves

O Verbum, a casa das palabras, amosa mañá xoves 28 de outubro a primeira das entregas do “Seisporseis”. Levará por título A palabra falada e está asinada por Marián Bañobre, Anabel Gago e Seilaesencia. A partir desa cita inicial, o encontro continuará o seu desenvolvemento todos os xoves de novembro e o primeiro de decembro, ciclo temporal no que se exhibirán os 5 espectáculos restantes programados. Así, o 4 de novembro, Wences Pierdes, Gena Baamonde e Xavier Mariño protagonizarán A palabra movemento; Artús, Antela Cid e Helder K farán o propio o 11 de novembro con A palabra sonora; María Torres, Lucía García e Gonçalo Guerreiro representarán A palabra signo o 18 de novembro; e a Rebeca Iglesias, Marta Paz e Vanesa Perozo tocaralles experimentar con A palabra imaxe o 25 de novembro. “Seisporseis” rematará o xoves 2 de decembro con A palabra escrita, desta última volta a cargo de Clara Gayo, Estela Lloves e Brian Moure.

Último trimestre de CREATIVA
CREATIVA é un programa con financiamento a cargo dos fondos FEDER da Unión Europea que se vén desenvolvendo desde decembro de 2009 e durante todo 2010 mediante distintas propostas de exhibición artística e de debate interprofesional para a difusión das industrias culturais do sur de Galicia e do norte de Portugal.

Durante o seu último trimestre de vixencia, CREATIVA posibilitará aínda distintas actividades, como son a Exposición Filatélica Iberex, que se desenvolverá en Vigo do 29 de outubro ao 6 de novembro, ou a xornada de traballo titulada Co-Creation: participación colaborativa e intercambio de experiencias nas industrias culturais, que terá lugar no Colexio de Arquitectos de Vigo o 16 de novembro e na que participarán representantes da Agadic e da lusa Addict (Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas).     

A Agadic patrocinará tamén a través CREATIVA os distintos foros profesionais que se levarán a cabo dentro de Culturgal, a feira galega das industrias culturais que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra do 26 ao 28 de novembro.

Está prevista, a maiores, a organización dun foro-taller de edición, en colaboración coa Asociación Galega de Deseñadores (Dag), que será novamente en Pontevedra os días 2, 3 e 4 decembro, cando se desenvolverán os relatorios, e os días 16, 17 e 18 do mesmo mes, nos que se impartirá un obradoiro de tipografía.


Que buscas

País

Provincia

Localidade

Ámbito

<<  Novembro  2017    >>

L
M
Mi
J
V
S
D
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
© 2009 Creativa Cultural - Todos los derechos reservados  |  Acceso privado