Blog

 MANUEL RIVAS, CARLOS OROZA E VILAS-BUGALLO PROTAGONIZAN EN SAN SIMÓN O ENCONTRO DE SPOKEN WORD "PALABRAS NA ILLA DO PENSAMENTO"

Imprimir creativa - 23-Septembro-2010 - 16:10:48 

· Os espectáculos, que fusionan música, literatura e pintura, enmárcanse no programa europeo CREATIVA que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais
· A iniciativa recolle a carga simbólica da illa para construir un gran laboratorio de ideas con proxección globalizadora e vocación multidisciplinar

Os interesados en acudir aos recitais, que se celebrarán o sábado 25 e o domingo 26, deberán realizar a súa reserva para trasladarse en barco desde o Porto de Vigo

Vigo, 23 de setembro de 2010.- O programa CREATIVA, que promoven conxuntamente a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e a portuguesa Direccão Regional de Cultura do Norte, fará posible celebrar en San Simón o encontro multicultural Palabras na Illa do Pensamento, no que a reflexión e arte se fusionarán neste contorno privilexiado da ría de Vigo e no que participarán o escritor Manuel Rivas, o poeta Carlos Oroza e o pintor Vilas-Bugallo, xunto a outros artistas e músicos.

O proxecto Palabras na Illa do Pensamento foi presentado hoxe en Vigo por Lucía Molares, delegada da Xunta de Galicia; Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic;  Xabier Alonso, director-xerente da Fundación Illa de San Simón; e unha representación  dos artistas participantes como unha aposta polo chamado spoken word, considerado o xénero do futuro, no que teñen cabida tanto a música como a literatura e a pintura. Os protagonistas desta iniciativa serán dous referentes da literatura: Manuel Rivas, que levará a cabo o espectáculo do sábado 25; e Carlos Oroza, que actuará o domingo 26. Os dous escritores conducirán cadansúa diferente proposta artística. No caso de Rivas, cun especial acompañamento musical e no de Oroza, da man das novas formas pictóricas.

Ambos recitais darán comezo ás 18:00 horas e son abertos ao público. As persoas interesadas en asistir deberán formalizar previamente a súa reserva para facer uso do transposte marítimo que se habilitará para a ocasión. O barco partirá, tanto o sábado coma o domingo, ás 17:00 horas do porto de Vigo. As reservas haberán de realizarse na axencia de viaxes tanto por teléfono (902 022 537) como por mail (loa@viaxesloa.com) ata cubrir a capacidade da embarcación.

Performance literaria e tango

Manuel Rivas presentará o sábado 25 unha performance literaria e musical da súa novela Os libros arden mal. Acompañado polo cantante de tangos Marcos Meléndrez, o guitarrista Gastón Rodríguez e o gaiteiro, cantante e serruchista Pulpinho Viascón, Rivas levará a cabo este concerto escénico baseado na súa última obra, ambientada na Guerra Civil.

Neste espectáculo, palabras, música e imaxes van construíndo un espazo de reexistencia e de memoria sensorial sobre as cinzas da desolación. O punto de partida do relato e do espectáculo é un episodio real: a queima de libros das bibliotecas populares na dársena da Coruña, en agosto de 1936, e vai seguindo o rastro do fume que desprenden as fogueiras, ata que nas esquinas da historia dramática da cultura escóitase o clamor de tangos, a melancolía indómita do mar ou o serrucho que sona como un violín.

Intervención dixital e pictórica

Xa o domingo 26, o encontro pecharase coa performance literaria de Carlos Oroza que leva por título Alicia nas illas e a intervención dixital e pictórica do artista vigués Vilas-Bugallo.

Oroza presentará neste espectáculo unha experiencia arredor de Alicia coa illa de San Simón como emprazamento e inspiración. Alicia é unha das grandes obras de Oroza, publicada en 1983 e a única da súa produción literaria que foi traducida ao galego. No poema retrata a unha muller illada no mar de cemento, alimentada por aqueles espíritos femininos que cantaban ao amante desde a Illa de San Simón, oito séculos atrás.

Laboratorio de ideas

O encontro enmárcase no proxecto xeral de A Illa do Pensamento, o que é moito máis ca un proxecto, unha plataforma de expresión ou un conxunto de equipamentos dotados de contido. É a lóxica e necesaria culminación de máis de dez séculos de historia dun encrave paradisíaco marcado pola dualidade e a carga simbólica do seu carácter insular. Un territorio de mar inmediato, que se abre aos catro ventos, que foi terra de oración, último refuxio de enfermos e obrigada condena para presos políticos. A Illa do Pensamento recolle esa testemuña, aproveitando a vocación marítima, a carga histórica, o valor patrimonial e a riqueza paisaxística de San Simón para edificar un gran laboratorio das ideas con proxección globalizadora, vocación multidisciplinar e unha nova identidade na que o pensamento creativo, máxico, artístico e crítico ilumine todas as actividades e accións que se levan adiante nesta fermosa localización.

Traxectorias

Manuel Rivas empezou moi novo a escribir en xornais e parte dos seus artigos están recollidos en El periodismo es un cuento (1997) e Mujer en el baño (2003). Ten publicado poesía e numerosas novelas, con obras galardoadas co Premio da Crítica Española e Premio da Crítica Galega, así como o Premio Torrente Ballester e o Premio Nacional de Narrativa. O relato A lingua das bolboretas, da obra Que me queres amor,  e a novela O lapis do carpinteiro foron levados ao cine. O seu último libro é A desaparición da neve, traducido a galego, castelán, catalán e euskera.

Carlos Oroza, o último xenio poético en lingua castelá, mantén unha firme coherencia entre vida e obra. Consumado ácrata, espírito iluminado e unha intelixencia extraordinaria para romper o xogo da palabra, Oroza mantense fiel a si mesmo, buscando entre as palabras unicamente a opción adecuada, mediante un non-método de proceso continuo, minucioso e sereno, un pensamento sempre suxeito ao cambio e de efecto expansivo, controlado pola sabia autocrítica.

Vilas-Bugallo, artista plástico e filósofo, encárgase da arquitectura escénica, aplicando diversas técnicas segundo o espazo e a representación. A súa obra pictórica amosa unha gran personalidade na composición da cor e no tratamento da luz. Na realización de vídeo dixital o tratamento da edición das imaxes é es case físico, a través de texturas e movementos dun imaxinario propio.

Creativa

CREATIVA é un programa con financiamento a cargo dos fondos FEDER da Unión Europea que se vén desenvolvendo desde decembro de 2009 mediante distintas propostas para a difusión das industrias culturais do sur de Galicia e do norte de Portugal. Así, a participación nos festivais Play-Doc de Tui e de Cans (O Porriño), o evento musical Cores do Atlántico que tamén acolleu a illa de San Simón, o Foro Clown da Estrada, a participación de compañías portuguesas na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ou as I Xornadas de Novo Circo Galicia-Norte de Portugal foron algunhas das accións levadas a cabo durante 2010 dentro de CREATIVA.

Que buscas

País

Provincia

Localidade

Ámbito

<<  Xullo  2017    >>

L
M
Mi
J
V
S
D
 
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
 
 
 
 
 
© 2009 Creativa Cultural - Todos los derechos reservados  |  Acceso privado