Noticias
Blog
O PROGRAMA EUROPEO "CREATIVA" AMOSA ESPAZOS E MODELOS ESCÉNICOS PORTUGUESES A XESTORES CULTURAIS GALEGOS
Un total 15 de programadores da Rede Galega de Teatros e Auditorios visitarán Guimarães e Porto para debater sobre xeitos organizativos e presenciar espectáculos
O programa CREATIVA desenvolve entre os días 21 e 22 de xuño en Portugal un encontro de industrias culturais, mediante o que un grupo de xestores galegos membros da RGTA (Rede Galega de Teatros e Auditorios) poderán coñecer persoalmente distintos espazos escénicos lusos e os seus modelos de xestión. A iniciativa, organizada pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) en colaboración coa Direcçao Regional de Cultura do Norte, forma parte das accións acometidas dentro deste proxecto europeo para a dinamización e comunicación entre as empresas dos distintos sectores culturais das dúas beiras do Miño.
Nesta ocasión, a viaxe centrarase nas visitas ao Centro Cultural Vila Flor de Guimarães e ao Teatro Nacional San João do Porto. En ambos destinos están previstos senllos foros de exposición e debate entre os programadores galegos e portugueses, nos que se abordarán os xeitos organizativos de cada centro e os seus planos de produción e exhibición. Ademais, no caso de Guimarães, o Pequeno Auditorio do Centro Cultural Vila Flor acollerá, con motivo desta visita, 4 ciclos de showcases con pequenas mostras das creacións escénicas portuguesas actuais.
Serán un total de 15 profesionais galegos os que se desprazarán durantes eses dous días a Portugal, procedentes de concellos e entidades culturais de Vilagarcía, Betanzos, Ames, Arteixo, Muros, Carballo, Sanxenxo, Foz, Ferrol, Tui, A Estrada, Ourense, Neda e Santiago de Compostela.
CREATIVA é un programa con financiación a cargo dos fondos FEDER da Unión Europea que se vén desenvolvendo desde decembro de 2009 mediante distintas propostas para a difusión das industrias culturais do sur de Galicia e do norte de Portugal. Así, a participación nos festivais Play-Doc de Tui e de Cans (O Porriño), ou o evento musical Cores do Atlántico que acolleu a Illa de San Simón o pasado 14 de maio, foron algunhas das accións levadas a cabo durante 2010 dentro de CREATIVA. O programa continuará desenvolvéndose no mes de xullo mediante as colaboracións co Festival de Clown da Estrada (Pontevedra) e coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (Ourense).