Blog

 A AGADIC APOIA A TRAVÉS DO PROGRAMA CREATIVA A PRESENZA PORTUGUESA NO FESTIVAL DE CANS

Imprimir creativa - 14-Maio-2010 - 16:20:12 

Patrocina as actividades inseridas na sección “Cans na raia”, que explora as conexións galego-portuguesas no audiovisual, a música e as artes plásticas

Exhibirase unha escolma de videoclips e de curtametraxes realizados no país veciño e presentaranse en exclusiva tres longas coproducidas entre Galicia e o norte de Portugal
 

Os pasacalles e a Can Parede completan as accións de colaboración transfronteiriza neste encontro, que se desenvolve do 19 ao 22 de maio

 
Santiago, 14 de maio de 2010.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colabora coa sétima edición do Festival de Cans, que se celebra do 19 ao 22 de maio nesa aldea do Porriño (Pontevedra), promovendo a presenza nesta cita de realizadores e artistas portugueses baixo o patrocinio de CREATIVA, proxecto que a entidade da Consellería de Cultura e Turismo desenvolve xunto coa Direccão Regional de Cultura do Norte, do Ministèrio de Cultura de Portugal. O Festival de Cans incorpórase así a este programa cultural transfronteirizo, no marco do que tamén se están a apoiar outras iniciativas como o concerto Cores do Atlántico, evento musical e multimedia que terá lugar hoxe na Illa de San Simón, ou a pasada edición do Play-Doc de Tui.

No caso do Festival de Cans, CREATIVA participa no desenvolvemento da sección “Cans na raia”, que estende o seu ámbito do audiovisual á música e ás artes plásticas co obxectivo de explorar as conexións entre os novos creadores de ambos lados da fronteira. Neste sentido e dentro do apartado “Audiovisual de alí (e de aquí)”, o xoves 20 exhibirase unha selección de videoclips de grupos do norte de Portugal, mentres que o venres 21 proxectarase unha escolma de curtametraxes de animación seleccionadas polo Curtas Vila do Conde, o festival de curtas máis importantes do país veciño: A Cor Negra, de Paulo Sousa e Silvimo Fernades; A Meio da Noite, de Fernando Saraiva; Annual Report, de Cristina Braga; Melodia Amarga, de Pedro Moura; e História Trágica Com Final Feliz, de Regina Pessoa.

 
Avance en primicia
 
A continuación, o mesmo día 21 terá lugar a presentación e avance exclusivo dalgúns dos traballos que se están a coproducir entre Galicia e o Norte de Portugal: Chelo Loureiro chegará con As aventuras de Xoán Sen Medo (Abano Films); Xosé Zapata, con Dodu, o neno de cartón (IB cinema/sardinha Em Lata) e Eloy Enciso, con Arraianos (IB Cinema).  Este intercambio transfronteirizo esténdese tamén ao apartado musical da programación de Cans, coa apertura o sábado 22 de Rock'n'Road, un espazo para as bandas emerxentes dentro do que actuarán Baldosa Amarilla (18.30 h) e Santos Morcegos (20.30 horas) e a celebración de pasacalles a cargo de conxuntos festivos dos dous lados da raia: polo portugués, a banda de bombos e concertinas Zés Pereiras de Fragoso (Barcelos) acompañará a procesión  de chimpíns o venres 21 ás 21.30 horas; e polo galego, a charanga de metais e percusións Os Veraneantes de Mos participara na do sábado ás 15.30 horas.  

O terceiro e último eixo do programa “Cans na raia” céntrase nas artes plásticas, ámbito no que se insire unha nova edición da “Can Parede”, particular versión da popular “Cow Parade”, que quedará inaugurada o xoves 20. Nesta ocasión, foron convocados artistas da comarca da Louriña e da zona de Vilanova da Cerveira, alumnos da Escola Universitaria Gallaecia desa localidade, para reinterpretar a silueta do Can, insignia do festival.

 
Financiamento europeo
 
A través de CREATIVA, a Agadic e a Direccão Regional de Cultura do Norte levan adiante un programa cultural interdisciplinar iniciado en decembro de 2009 con catro foros de debate e intercambio (sobre artes escénicas, audiovisual, música e produto gráfico) celebrados en Vigo. Co financiamento a cargo de fondes FEDER da Unión Europea, o proxecto avanzará este ano na creación de sinerxías de traballo común entre as poboacións asentadas a ambas beiras do Miño.  Neste sentido, trala súa incursión no Festival de Cans, a programación de CREATIVA 2010 continuará nos vindeiros meses a través de iniciativas como o I Foro Galego-Portugués de Clown e Novo Circo, que terá lugar na Estrada; a exposición Camiño Sonoro, que se amosará en Ourense, varias accións de danza nas rúas de Pontevedra, a visita de axentes culturais galegos a distintos espazos escénicos de referencia do Norte de Portugal, ou unha nova edición dos foros empresariais sectoriais. 

Que buscas

País

Provincia

Localidade

Ámbito

<<  Novembro  2018    >>

L
M
Mi
J
V
S
D
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
 
 
 
 
 
 
 
 
© 2009 Creativa Cultural - Todos los derechos reservados  |  Acceso privado